A Deputación ofrece apoio ao Concello de Ponteceso na crise da auga de Corme

1 minutes read

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, visitou este xoves co alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, os concelleiros de Obras e Seguridade e o responsable de Protección Civil no municipio a zona afectada pola «crise da auga» que dende hai 12 días afecta á parroquia de Corme Porto.

O deputado interesouse pola saúde dos veciños afectados, transmitiu a «preocupación» do Goberno provincial polo acontecido na localidade e ofreceu «apoio e colaboración» da Deputación da Coruña «en todo o que sexa preciso» para resolver o problema e garantir que non volva a suceder.

Blas García destacou tamén o «traballo incansable» realizado durante todo este tempo por Protección Civil, repartindo auga embotellada a diario entre os numerosos veciños afectados, que seguen sen poder consumir auga da traída.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido agradeceu o apoio do goberno provincial. «O presidente Valentín González Formoso estivo en contacto comigo dende o primeiro momento, interesándose pola situación dos afectados e ofrecéndonos a colaboración da Deputación para o que precisaramos. Agora Blas García quixo estar aquí persoalmente para transmitir esa mensaxe, estar cos veciños e ver cómo poden axudar. Dende Ponteceso agradecemos este xesto de apoio e este ofrecemento de colaboración institucional», apuntou o alcalde.