O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentaron os proxectos que a institución provincial está a impulsar no eido da mobilidade sostible nos concellos coruñeses co apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España.
Segundo explicou o presidente da Deputación, estos proxectos «suman un importante investimento de máis de 9 millóns de euros e que permitirán crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia» con proxectos singulares coma a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña a Cecebre, Cambre e Carral; a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou a visión de futuro do ente provincial, en concordancia coa axenda 2030 do Goberno de España, sinalando que os proxectos presentados forman parte dun investimento global de máis de 66 millóns de euros do ministerio de Transición Ecolóxica para 139 proxectos na provincia, 11 deles xestionados pola Deputación. Losada tamén gabou o traballo da Deputación, «é un exemplo de coordinación cos concellos para favorecer o desenvolvemento destes», concluíu.