A Deputación plantea crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo

1 minutes read

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, apelou, nunha reunión con representantes de entes de xestión turístico, a necesidade de fomentar novos destinos e crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo.

Nela, tal e como informa o organismo provincial, apuntou á necesidade de aproveitar os recursos e apostar pola rendibilidade «nun momento en que é urxente traballar pola recuperación dun sector especialmente afectado pola pandemia».

Na reunión, avaliáronse os resultados da anterior convocatoria e avanzouse nas novas liñas de traballo para este ano ao amparo da nova convocatoria de axudas que está aberta para presentar proxectos ata o próximo 5 de febreiro. Entre outros criterios para a concesión das axudas atópanse o número de prazas de aloxamento en establecementos turísticos, a poboación residente no territorio ou a propia valoración dos proxectos presentados.

«Os entes de xestión van ser pezas crave á hora de traballar pola recuperación do sector e axustar as programacións ás esixencias deste momento, tanto aos requisitos sanitarios cambiantes da evolución da pandemia como á conmemoración do Xacobeo que está a provocar expectativas que esperemos se poidan cumprir», explicou Xosé Regueira.