- Esta semana distribuiranse 130.000 mascarillas a través da plataforma loxística Clonegal da Xunta de Galicia
A Deputación da Coruña distribuirá nas vindeiras semanas 230.000 mascarillas entre os 93 concellos da provincia. Así o confirmou o presidente da institución, Valentín González Formoso, durante unha videoconferencia celebrada nas últimas horas cos portavoces dos diferentes grupos políticos representados na corporación provincial. Esta semana comezará o reparto das primeiras 130.000, parte delas procedentes dunha doazón e que xa están no parque móbil da Deputación na cidade herculina.
Formoso tamén anunciou a adquisición de 100.000 mascarillas máis que serán suministradas aos municipios coruñeses durante o mes de abril. O contrato reserva a posibilidade de suministro doutras 100.000 que chegarían en maio.
A Deputación adquiriu a maiores outras 5.000 mascarillas destinadas ao seu persoal e a centros provinciais especialmente sensibles coma o Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña.
O reparto levarase a cabo a través da plataforma loxística Clonegal da Xunta de Galicia, centro designado pola administración autonómica para canalizar e centralizar todos os envíos de material de protección aos concellos, así como a loxística necesaria para a súa distribución durante a crise do Covid-19.
O presidente da Deputación agradeceu a colaboración loxística da Xunta de Galicia e volveu a subliñar a importancia de «traballar de forma coordinada entre todas as administracións para facer fronte a unha crise sanitaria sen precedentes».