Promoción en Dinamarca do Camiño Inglés e a súa prolongación a Fisterra e Muxía


A Deputación da Coruña estivo presente en Dinamarca, co dobre obxectivo de coñecer de primeira man os grupos de traballo no eido do mundo xacobeo no país nórdico e máis para promocionar o Camiño Inglés e a Prolongación a Fisterra e Muxía.

Para iso, o deputado provincial responsable da ruta xacobea, Antonio Leira Piñeiro, visitou o país danés onde participou ademais o presidente da Asociación de Concellos co Camiño Inglés, Manuel Mirás..

A comitiva desprazouse ata a localidade de Ballerup, onde a directiva de Santiago Pilgrimme recibiu a representación da Coruña. Despois de mostrarlles o albergue que rexentan, mantiveron unha primeira sesión centrada en sendas exposicións do traballo e as expectativas inmediatas tanto da Deputación, como da Asociación de Concellos, como da entidade danesa.

Posteriormente, tamén tivo lugar unha segunda sesión de traballo para perfilar as tarefas a traballar conxuntamente, onde tanto o deputado, Antonio Leira, como o presidente, Manuel Mirás, ofreceron todo tipo de axuda.

Alí deixaron material informativo e Leira organizou a comunicación futura, que será constante. Ademais, animoulles a que contacten co Servizo de Turismo da Deputación para canto desexen.

A comitiva da Deputación visitou tamén ao embaixador de España, Román Oyarzun, quen, acompañado por dous dos seus conselleiros, amosuse interesado en todo o que fai referencia aos Camiños de Santiago como unha das marcas claramente positiva que identifican a España no mundo enteiro. Así mesmo, ofreceu a colaboración da delegación diplomática para calquera acción que a Deputación ou a Asociación de Concellos queiran emprender no país nórdico.