A Deputación propón un fondo común de rescate das administracións para a hostalaría e o turismo

1 minutes read

A Deputación da Coruña insta a todas as administracións galegas a «sumar forzas» destinando o 1% do seu orzamento de 2021 a un fondo común de rescate para o sector da hostalaría e o turismo. Sumando o 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, as catro deputacións e as sete grandes cidades galegas, este «1% hostaleiro» permitiría crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140 millóns de euros, un orzamento case tres veces superior aos 50 millóns que propón o goberno galego. «A proposta emula acordos históricos como o de destinar o 0,7% a axudas á cooperación. É o momento de unirnos todos para salvar a hostalaría», afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao remate da reunión que, xunto co vicepresidente e responsable da área de Turismo da institución provincial, Xosé Regueira, mantivo coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios Hostalaría da Coruña, presidida por Héctor Cañete.