A Deputación reactivará as obras do centro de día de Cariño

Cedida.

A Deputación da Coruña está disposta a colaborar coa Xunta de Galicia e o Concello de Cariño para reactivar as obras de construción do centro de día e residencia de maiores da localidade, paralizadas hai case unha década debido á quebra da empresa construtora.

Así o comunicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita institucional que realizou ao municipio, na que amosou a disposición do goberno provincial a “prestar a súa colaboración técnica e económica para retomar as obras dunha infraestrutura moi necesaria e demandada pola veciñanza”.
Acompañado do alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, da deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e dos membros do goberno municipal, o presidente provincial visitou o edificio, practicamente acabado, no que o rexedor explicou a necesidade de “activar un proxecto para rematar a adaptación exterior e interior do inmoble, que dará servizo aos numerosos veciños de Cariño e da súa área de influencia que demandan unha infraestrutura destas características”.