A Deputación da Coruña recibe máis de 330 solicitudes nas convocatorias de axudas de Política Social

A Deputación da Coruña pechou o prazo das convocatorias de subvencións de concorrencia competitiva da área de Política Social para o exercicio 2026 cun balance de máis de 330 solicitudes presentadas por entidades sociais e concellos, cun orzamento global de 13,4 millóns de euros destinado a reforzar os servizos sociais, os coidados, o envellecemento activo e a atención comunitaria en toda a provincia.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que «o elevado número de solicitudes confirma a importancia destas axudas para soster o traballo diario do tecido social e dos concellos, e demostra a necesidade de seguir fortalecendo os servizos sociais de proximidade, tanto municipais como das asociacións sociais que desenvolven un traballo fundamental para miles de persoas en situacións vulnerables».

Axudas dirixidas a entidades sociais

As entidades sociais presentaron solicitudes a distintas liñas destinadas tanto ao funcionamento como ao investimento en infraestruturas, programas e recursos materiais, cun orzamento conxunto de arredor de 3,7 millóns de euros.

En concreto, destinaranse 900.000 euros ao apoio a centros e recursos de servizos sociais, que rexistraron 47 solicitudes. Outros 900.000 euros corresponden ás axudas para programas de servizos sociais e apoio comunitario, cun total de 69 solicitudes.

As axudas para investimentos, obras e melloras centros de entidades sociais, dotadas con 1 millón de euros, concentraron 76 solicitudes, cun incremento significativo respecto ao ano anterior. A adquisición de vehículos para entidades sociais, cun orzamento de 400.000 euros, recibiu 15 solicitudes.

Por último, as subvencións destinadas a programas sociosanitarios e de voluntariado, cunha dotación de 500.000 euros, contabilizaron 31 solicitudes, reflectindo a crecente importancia da colaboración social e do voluntariado no ámbito dos coidados.

Axudas dirixidas aos concellos

No caso dos concellos, o maior volume de recursos corresponde ás axudas para o mantemento e reforzo dos servizos sociais comunitarios, cunha dotación de 9,1 millóns de euros e un total de 81 solicitudes presentadas. Con cargo a esta partida, a Deputación financia cada ano case 400.000 horas de servizo de axuda no fogar e contrata a máis de 180 profesionais do ámbito social nos concellos.

As subvencións para a adquisición de vehículos destinados aos servizos sociais municipais, cun orzamento de 100.000 euros, recibiron este ano 20 solicitudes, mentres que as axudas para o desenvolvemento de programas municipais de envellecemento activo, dotadas con 511.000 euros, acadaron 68 solicitudes, cun incremento importante respecto ao exercicio anterior.

Desde a área de Política Social da Deputación sublíñase que este balance «amosa a consolidación destas convocatorias como unha ferramenta clave para garantir a igualdade de oportunidades, a atención ás persoas maiores e o apoio ás persoas e colectivos máis vulnerables, reforzando a cooperación entre a institución provincial, os concellos e o tecido social».

Related posts

O PP de Malpica traslada unha mensaxe de tranquilidade sobre a situación do Centro de Saúde de Buño

O paso da borrasca Joseph deixou máis de 1.200 incidencias rexistradas no 112 Galicia

Vimianzo facilitará a conciliación das familias cos obradoiros de Entroido