A Deputación redacta un proxecto para eliminar as curvas perigosas da estrada DP-2904 entre Coristanco e Santa Comba

Visita da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e do alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, á estrada. Arquivo.

O proxecto abranguerá actuacións en distintos tramos nos puntos quilométricos 6, 13,5 e desde o 15,3 ao 17,5, nos termos municipais de Coristanco e Santa Comba. O obxectivo é mellorar o trazado da estrada mediante a eliminación ou suavización de tramos de curvas sinuosas, onde rexistraron diversos accidentes nos últimos anos pese ao bo estado do firme da calzada.

O proxecto estudará técnica e económicamente posibles variantes de trazado nos treitos con maior sinistralidade, co fin de garantir unha circulación máis segura para as persoas usuarias desta vía de comunicación estratéxica na comarca.

A actuación dá cumprimento ao compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, quen solicitara a intervención da institución provincial para mellorar a seguridade do vial.

A licitación da redacción do proxecto chega tamén despois da visita realizada pola deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, quen percorreu a zona acompañada de representantes do goberno municipal e técnicos do servizo provincial de estradas para identificar sobre o terreo os puntos máis problemáticos.

A Deputación inicia así o proceso necesario para acometer as obras de mellora, avanzando no seu compromiso coa seguridade viaria e co equilibrio territorial da rede provincial de estradas.

Related posts

Zas acolleu a presentación do libro “Que quede entre nós”

O Festival de Humor da Laracha regresará no mes de maio

A parroquia de Carballo cede un local á asociación Un Paso Máis para facilitar a súa actividade social