Os concellos da provincia da Coruña reactivan os procesos de licitación que quedaron suspendidos coas medidas adoptadas pola irrupción da COVID-19. A reanudación dos prazos das licitacións publicadas e os novos procedementos de contratación pública realízanse sempre a través de medios electrónicos.
Para facilitar esta labor, os municipios seguen contando co apoio da Deputación, que está a publicar na súa canle de YouTube novos tutoriais formativos e guías para reforzar a capacitación dos funcionarios municipais, ademais de seguir proporcionando atención personalizada e sesións de formación online para resolver as dúbidas que xorden respecto aos procesos de contratación electrónica en calquera dos concellos da provincia.
Este traballo e soporte continuo dende a entrada en vigor, hai dous anos, da nova Lei de Contratos do Sector Público axudou a que os concellos da provincia teñan xestionado de xeito integramente electrónico máis de 2.600 licitacións públicas por importe de 504 millóns de euros. Actualmente concellos e Deputación da Coruña teñen 134 licitacións abertas.
Apoiando estes procesos está o asesoramento xurídico proporcionado pola Deputación e o soporte realizado por técnicos especializados, que mesmo se conectan por vía remota cos equipos municipais para axudar na resolución de dúbidas e que atenden unha media de 90 peticións de soporte mensuais.