A Deputación remata as obras do novo coworking da Capela


O coworking da Capela conta cunha superficie de 178,75 m2 útiles e ten capacidade para acoller a 12 iniciativas empresariais. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este novo coworking da Capela que proximamente entrará en funcionamento e se integrará na Rede Provincial de Espazos de traballo. Este lugar servirá de xerme de creación e atracción de novas empresas e xerará sinerxias entre as mesmas, conta con todo o equipamento necesario para a posta en marcha de proxectos empresariais. Así mesmo, a zona de traballo divídese en 4 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha. Agárdase que este novo equipamento, instalado no primeiro andar do edificio do antigo centro de saúde das Neves, acolla en breve aos seus primeiros emprendedores tras rematar as obras de rehabilitación do espazo.