A Deputación rexeita pedir ao Goberno a derrogación do Real decreto sobre os remanentes

1 minutes read

O Pleno da Deputación da Coruña rexeitou a iniciativa do PP na que se pide, entre outras cuestións, instar á derrogación do Real decreto lei 27/2020 sobre os remanentes das entidades locais, pendente da súa posible validación no Congreso, e subscribir o recurso de inconstitucionalidade que esta formación política prevé presentar no Congreso dos Deputados.

Nesta sesión extraordinaria convocada a instancias do Grupo Popular para debater monograficamente esta cuestión, a proposta de acordo foi desbotada cos 16 votos de PSdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e abstención de Marea Atlántica fronte aos 14 votos favorables dos deputados populares.

En declaracións aos medios antes do inicio da sesión, que se realizou de forma telemática, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que o Real decreto 27/2020 que o PP pide derrogar está aínda pendente de ser validado no Congreso dos Deputados e subliñou que a proposta do Goberno «é voluntaria e é a que permite o marco legal» para dar resposta a un problema xerado no ano 2012 coa Lei Montoro. «Unha lei aprobada polo Goberno de Rajoy que fai que en Galicia os concellos teñan retidos 200 millóns de euros e 16.000 millóns de euros dos aforros dos municipios de toda España». Uns fondos que están en contas correntes dos municipios «e non xerando emprego e actividade económica», apuntou.

González Formoso pediu «valentía» ao PP para «admitir o erro de reter 16.000 millóns de euros dos concellos e presentar a proposta de derrogación da Lei Montoro que o PSOE apoiaría». «Todos estamos en contra da Lei Montoro, pero necesítase maioría absoluta no Congreso para facelo», afirmou.