A Deputación subvenciona a revitalización dos recursos e servizos turísticos de Laxe


A Deputación da Coruña subvencionará con 20.000 euros a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022. O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, asinaron o convenio, cuxa achega permitirá o financiamento da programación de actividades de turismo activo (como piragüismo, paddle surf, sendeirismo, zumba, pilates e ioga) e outras propostas socioculturais, educativas, ou medioambientais. O proxecto tamén contempla a edición e deseño gráfico de publicacións, cartelaría, folletos e guías; accións de márketing en liña e contratación de relatores, técnicos e profesores. O municipio está directamente vinculado a un sector que se considera esencial dentro das políticas públicas do Concello de Laxe, en base á súa declaración oficial como Municipio Turístico Galego, aos índices crecentes tanto de demanda coma de oferta turística, e ao peso obxectivo que este sector ten sobre a economía local.