A Deputación trasládalle aos oleiros de Buño o proxecto de remusealización do Forno do Forte

2 minutes read

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e a concelleira de Olaría e Patrimonio de Malpica, Leticia Naya, mantiveron unha xuntanza co presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín, e co vogal, Santiago Becerra, para trasladarlles o proxecto de remusealización do Forno do Forte, co obxectivo prioritario de convertelo no gran museo da olaría da man do propio sector.

Entre os retos de futuro que se abordaron no encontro cobrou forza a posibilidade de relacionar o propio Forno do Forte cun percorrido máis amplo polos obradoiros dos profesionais que actualmente se dedican á olaría en Buño, así como a necesidade de crear un itinerario expositivo que comece na olaría tradicional e chegue ata a contemporánea. «Dunha banda, trátase de actualizar o Forno do Forte como recurso expositivo e, doutra, de recoller as achegas e suxestións das e dos oleiros para atraer un público cada vez máis amplo e diverso a Buño» asegura Xosé Lois Penas sobre o propósito da reunión, ao tempo que engade que «non queremos deseñar un espazo só para visitas senón un proxecto máis ambicioso baseado na experiencia e na creación de vínculos e comunidade».

Convén lembrar que a Deputación da Coruña vén de iniciar o proceso para remusealizar o Forno do Forte co obxectivo de posicionar Buño como lugar de referencia na tradición oleira da provincia e do país. O proxecto contempla unha reestruturación dos espazos expositivos, reservando un espazo propio para os profesionais da olaría de Buño, coa posibilidade de amosar unha mostra representativa de cada obradoiro e poñer en valor cada marca persoal e fomentando a artesanía diferenciada.

Esta reformulación tamén contempla a substitución dos espazos actualmente dedicados á etnografía por salas multidisciplinares nas que, dunha banda, se poidan programar exposicións temporais con especial atención a artistas de proximidade e, doutra, se ofreza ás persoas visitantes un itinerario pola historia e a cultura da olaría. En conxunto, o proxecto implica tamén un novo deseño da panelización e da sinalización, así como a instalación de sistemas de iluminación e sonorización acordes coas novas funcións do Ecomuseo do Forno do Forte.