A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo en Coristanco

1 minutes read

Cristina Pichel visitou as iniciativas desenvolvidas no marco da convocatoria do ano pasado no Centro de Promoción Rural da federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) Fonteboa. A directora xeral estivo acompañada do alcalde de Coristanco, Juan García.

Na visita ao Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Cristina Pichel valorou de maneira positiva os dous proxectos levados a cabo nestas instalacións no marco de Iniciativa Xove 2019, enfocados ao desenvolvemento do rural a través da innovación tecnolóxica e o apoio ao emprendemento da muller.

O primeiro dos proxectos, denominado AgroRoboTics, permitiu que unha trintena de rapaces e rapazas experimentaran coa robótica agrícola, que cada día está máis presente nas explotacións agrogandeiras nas que os robots xa realizan todo tipo de tarefas que antes eran manuais, como encargarse de arrimar a comida aos animais, do muxido, vixilancia de cultivos ou programación de rego, entre outras funcións. As persoas que participaron neste proxecto obtiveron capacitación en robótica, software e cultivo.

Na segunda das iniciativas realizadas no centro de EFA, impulsada por un grupo informal de mozas que estudan nel, participaron 15 rapazas que viven no medio rural e 20 estudantes de Secundaria do IES Palas de Rei, e tiña por obxecto potenciar modelos de emprego e emprendemento no rural protagonizados por mulleres. Nesta proposta, que se focalizou na comarca de Arzúa-Ulloa, realizáronse obradoiros sobre conciliación e corresponsabilidade e sobre veterinaria, ecoloxía e gandería; ademais dun coaching centrado no liderado empresarial. Tamén se visitaron empresas da zona dirixidas por mulleres.