A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo en rolda de prensa os distintos apoios aos que pode acceder na actualidade o sector marisqueiro galego para mellorar a produción das súas zonas de traballo e protexer os ecosistemas e que poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os temporais rexistrados nas últimas semanas. Trátase de tres liñas de axudas que veñen de saír publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a comezos de mes e que contan cun orzamento global de preto de 2,3 millóns de euros para actuacións como as sementeiras de bivalvos co obxectivo de mellorar a produtividade dos areais.
A titular de Mar subliñou que estes apoios poden destinarse a proxectos que mitiguen o impacto das condicións meteorolóxicas adversas das últimas semanas -que provocaron certa mortalidade nos bancos e debilitaron o marisco como consecuencia do seu desprazamento das zonas nas que estaba asentado así como pola baixa salinidade da auga- e incidiu en que, unha vez se coñezan con exactitude os efectos destes episodios, podería incrementarse o crédito destas achegas ou habilitar apoios adicionais para o sector.
A representante do Executivo galego lembrou que o sector marisqueiro galego foi un dos que máis sufriron o impacto da crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus en 2020 -especialmente polo peche da hostalaría durante o estado de alarma- e lamentou que agora ás consecuencias da pandemia se suman os efectos negativos das inclemencias meteorolóxicas. Por iso, salientou que a Xunta apoiará ao sector, como xa fixo o ano pasado, para que supere as dificultades ao tratarse “dunha actividade esencial, que ten futuro e da que dependen milleiros de familias galegas”.