A divulgación das axudas do GALP Costa da Morte reúne a numerosas entidades en Camariñas

Xuntanza Galp en Camariñas_Arquivo

O GALP Costa da Morte pechou o proceso de divulgación do seu programa de axudas, que iniciou meses atrás con visitas a todas as confrarías da súa zona costeira. Nesta reunión, na que se contou coa presenza da alcaldesa Sandra Insua e o patrón maior da Confraría José Ramón Lema Romero, participaron preto de trinta persoas, sendo a ampla maioría profesionais do sector pesqueiro.
O principal obxectivo da reunión era o de traer testemuñas directas de proxectos impulsados por outros GALP de Galicia, para reforzar e animar á xente da zona a impulsar iniciativas, centradas especialmente na promoción do sector pesqueiro.
O Patrón Maior da Confraría de Cedeira, Eduardo González, presentou o proxecto “Marisco do mar a mesa”, o cal supuxo dotar á zona de Ortegal dun servizo co que non contaban, que combina a depuración, embolsado, etiquetaxe e venda directa de moluscos bivalvos vivos. Este proxecto foi moi importante para a confraría, xa que permitiu manter a actividade extractiva das mariscadoras que estaba a piques de desaparecer, polos problemas que tiñan para vender o marisco. Na actualidade, ademais de xerar emprego, conseguiron incrementar o valor engadido do produto local. Este proxecto foi galardoado nos II premios da Economía Azul da Consellería do Mar, na categoría de apoio á pesca costeira artesanal.
Conservas Faro de Burela dedícase á elaboración artesanal de conservas de pescado. Verónica Rodil explicoulle ás persoas asistentes como se foi fraguando o seu proxecto e os atrancos que tivo que superar. Procedente dunha familia que se dedica á comercialización de pescado en fresco, decidiron poñer en marcha esta liña de negocio, que nos poucos meses que leva funcionando está espertando moito interese coa súa gama de produtos e coidado deseño. O seu produto estrela é o Bonito en conserva, destacando tamén novidosas elaboracións como as súas Albóndigas de Bonito de Burela con xamón curado.
Houbo un extenso coloquio no que participaron tanto confrarías, como persoas interesadas en promover proxectos no citado programa de axudas. Para as Confrarías as experiencias presentadas foron moi interesantes e exemplificadoras para poder abrir novas liñas de traballo que incrementen as rendas para o sector. Experiencias como estas, que non precisan de enormes investimentos, poderían supor un importante revulsivo para o marisqueo na zona ou o aproveitamento dos produtos da pesca costeira artesanal.
Na xornada tamén se presentou un relatorio de experiencias de proxectos financiados polo FEMP, animando ás persoas a visitar a páxina web dos GALP da Consellería do Mar https://galp.xunta.gal/ , que é un importante espazo para obter ideas sobre a tipoloxía de proxectos postos en marcha con estes fondos.
O GALP Costa da Morte está a disposición de todas as persoas e entidades interesadas en promover calquera iniciativa, para o cal poden informarse nas oficinas de Buño (Centro Comarcal) ou poñerse en contacto a través do teléfono 981 70 73 78, ou correo electrónico galp.mar.costadamorte@xunta.gal.