- Durante o estado de alarma a porcentaxe de condutores que circulaban con exceso de velocidade aumentou un 39%
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) lembra aos condutores a necesidade de respectar os límites de velocidade establecidos xa que, nun estudo realizado pola propia entidade, constátase un aumento da velocidade de circulación dos vehículos lixeiros ao seu paso polos puntos de control de velocidade. Concretamente, durante o estado de alarma a porcentaxe de condutores que circulaban con exceso de velocidade aumentou un 39%.
O estudo fíxose sobre unha mostra de 170 tramos de control (radares fixo e de tramos) para coñecer o comportamento da velocidade á que circulaban os vehículos durante o estado de alarma e a súa comparativa cos mesmos días do ano anterior.
Segundo Álvaro Gómez, Director do Observatorio da Seguridade Viaria da DXT “en condicións normais, a velocidade adoptada por un condutor é unha combinación entre o que o condutor desexa e o que o tráfico lle permite. Estas últimas semanas, nas que a intensidade do tráfico descendeu de forma notable, […] a velocidade foi fundamentalmente a que o condutor desexou, por iso é tan importante o respecto dos límites”
SINISTRALIDADE PERÍODO CORONAVIRUS
A redución da mobilidade tivo un reflexo na evolución da sinistralidade mortal. Entre o 15 de marzo e o 7 de maio, o número de accidentes mortais reduciuse un 71%, e o de persoas falecidas fíxoo un 69%. Así, 49 persoas faleceron durante o estado de alarma, en comparación con 159 persoas falecidas en 2019.
A DXT tamén pon o foco no pouco uso do cinto, xa que durante este período dez das vinte e catro persoas falecidas non o utilizaban no momento do accidente.