A edición 2026 da WordCamp Galicia pechou con éxito a súa estrea na Coruña

2 minutes read

A edición 2026 da WordCamp Galicia (#WCGalicia) pechou este domingo as súas portas na Facultade de Dereito do Campus de Elviña co mellor dos balances posibles. Durante tres días intensos, o encontro converteu por primeira vez á Coruña na capital do sector dixital e do código aberto, reunindo a 250 participantes —entre profesionais, creadores de contido, estudantes, empresas e entidades sociais— nunha cita histórica para a comunidade tecnolóxica galega.

Un broche de ouro co Contributor Day
A xornada de peche deste domingo estivo dedicada ao Contributor Day, a cita na que os asistentes traballaron de xeito conxunto e altruísta para devolverlle á comunidade parte do que esta ofrece. Divididos en mesas de traballo temáticas —tradución, desenvolvemento, soporte, deseño, accesibilidade ou documentación—, ducias de voluntarias e voluntarios sumaron forzas para mellorar de xeito directo o software libre que alimenta máis do 40% das páxinas web de todo o planeta.

Tamén se convocaron ás comunidades tecnolóxicas da cidade para debater sobre as dificultades que afrontan na hora de dinamizar espazos de investigación e desenvolvolvemento, sobre os retos que propón a intelixencia artificial no eido profesional e sobre o papel activista que deben ou poden asumir as comunidades.

Tres días de impacto, aprendizaxe e compromiso social
Coa sesión deste domingo púxose o punto e final a unha fin de semana intensa que arrancou o venres 16 cun obradoiro de iniciación e un hackathon no que se colaborou con tres asociacións. A actividade continuou o sábado 17 coa xornada central de conferencias, que contou cunha veintena de especialistas de primeiro nivel para abordar o futuro da intelixencia artificial e como afecta no deseño web, desenvolvemento ou desconexión dixital. Tamén se trataron outros temas como o comercio electrónico, o SEO e o deseño accesible.

A organización da WordCamp Galicia quere agradecer á Universidade da Coruña, a imprescindible colaboración dos 250 asistentes, relatores, equipos de voluntariado e patrocinadores clave como WordPress.com, Bluehost, WooCommerce e Hostinger, xunto cos provedores e empresas locais que fixeron posible facer historia nesta estrea herculina. Toda a información e o resumo fotográfico do evento continuarán dispoñibles na web oficial (galicia.wordcamp.org) e nas redes sociais co cancelo #WCGalicia.