A edición de verán do ‘Derrubando muros’ volve a Carballo cunha forte aposta pola creatividade local

Presentación 'Derrubando muros' 2021_Ayuntamiento de Carballo

  • Os murais, xunto con outras actividades paralelas, desenvolveranse do 12 ao 22 de agosto en diferentes puntos da vila

Volve o programa ‘Derrubando muros con pintura’ a Carballo. Do 12 ao 22 de agosto catro artistas locais serán as protagonistas da edición estival deste proxecto co que seguirá medrando o museo da arte pública da vila carballesa. Isa Bermúdez, Nere Rama, Nazaret e Tucho serán os encargados de crear catro novos murais en catro zonas ben diferenciadas: a rúa Xazmíns, a traseira da Ludoteca Municipal, a rúa Igrexa (zona do aparcamento do San Martiño) e a traseira do auditorio do IES Alfredo Brañas. Desde o Goberno local destacan que se trata dunha «aposta por novos valores da vila, xa que todas as artistas son moi novas e ningunha supera os 25 anos».

Os catro participantes acudiron á presentación desta nova edición xunto co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, e a concelleira de Mocidade, Maruxa Suárez, ambos responsables das dúas áreas que participan na organización.

Xosé Regueira declarouse «encantado» de poder contar con esta «nova fornada de talento e creatividade local». O concelleiro sinalou que ‘Derrubando muros’ é «o recurso máis demandado polas persoas que nos visitan». Maruxa Suárez e Evencio Ferrero tamén se referiron ao ‘potencial’ dos «artistas novos e locais que poden expresar o que levan dentro». «Crear unha marca é moi difícil, pero hoxe a arte urbana carballesa é unha marca potente», sinalou o rexedor.

Actividades paralelas
Durante estes dez días de pintura tamén haberá actividades organizadas arredor da arte, todas elas de balde.

14 de agosto. Inicio oficial da programación desde o palco da rúa Jacinto Amigo Lera. Haberá un faladoiro e coloquio arredor da arte urbana que se completará cun recital poético con aires rocanroleiros coa a escritora carballesa Rosalía Fernández Rial e Mr. Kilombo.

19 de agosto. Obradoiro de rotulación. Impartirase de 10:00 a 13:30 horas nun escaparate do mercado municipal. Destinado a maiores de 16 anos. Aforo máximo: 8 persoas.

22 de agosto. Obradoiro de pintura. Realizarase á mesma hora. Esta actividade terá lugar na rúa Bos Aires e vai destinada a nenos de entre 6 e 11 anos. Aforo máximo: 10 persoas.

A programación pecharase este último día de actividades cunha ruta guiada polas novas obras de arte urbana e unha cita sorpresa que o Concello desvelará en breve.