- O uso deste punto de carga, na rúa Arcebispo Romero de Lema, aumentou considerablemente este ano cunha recarga cada dous días
Coincidindo co Día Mundial do Vehículo Eléctrico, que se celebrou este xoves, o Concello de Carballo publicou os datos de uso dos dous puntos de recarga deste tipo de vehículos na vila, que entraron en servizo en setembro do 2019 tras ser instalados na rúa Arcebisco Romero de Lema, preto do parque Rego da Balsa.
Segundo sinalan desde a Alcaldía, desde a súa posta en marcha houbo un balance de 186 usos, o 74% durante este ano. «No que levamos do 2021 rexistráronse 138 recargas, o que supón practicamente unha cada dous días, cun consumo medio de 7,85 kWh e un total de enerxía recargada de 1,09 MWh» destacaron desde o consistorio tendo na man os datos facilitados pola empresa xestora.
O despegue do servizo viuse frustrado pola pandemia xa que as denominadas electrolineras están «moi vinculadas á mobilidade e ao turismo». De feito, en todo o 2020 só se realizaron 18 recargas, cun consumo total de 95,22 kWh.
Os dous puntos de recarga na zona do parque Rego da Balsa forman parte das medidas impulsadas dende o Concello de Carballo para fomentar unha mobilidade sostible. Dispoñen de conectores estándar na Unión Europea para todo tipo de coches e para activar o servizo poden utilizarse dous sistemas: unha tarxeta da compañía Ibil válida para todo o territorio nacional ou a APP da empresa no teléfono móbil.