As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) mantiveron un encontro coa candidata do PSdeG-PSOE na Laracha, Palomi Rodríguez, e os seus candidatos mozos, Inés Ramos (número 5) e Abel García (número 12), para expoñer o programa de mocidade co que se presenta a candidatura socialista na vila. No encontro contaron tamén coa presenza do secretario xeral nacional, Xurxo Doval, e outros militantes de ambas organizacións.
Inés Ramos, candidata moza do partido, reafirmou a vontade de que “neste tempo pedir o voto é algo que queda lonxe para a mocidade, os nosos dereitos e necesidades deben ser unha prioridade os 365 días do ano, non só en campaña”.
Xurxo Doval, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, declarou que “a mocidade da Laracha clama por outro modelo de concello máis próximo, dinámico e funcional coas súas oportunidades. Cómpre mudar o servilismo a unha Xunta desaparecida, por un motor de impulso municipal”.
Palomi Rodríguez, candidata á alcaldía, sinalou que “é moito o que podemos facer dende o Goberno para mellorar o benestar dos mozos e mozas, ofrecendo oportunidades de futuro rematando co desemprego e a precariedade laboral xuvenil, acompañadas de plans de vivenda”.
Entre as medidas que destacan a socialista atópase o I Plan de Xuventude para abordar aspectos como a formación, a igualdade, o emprendemento…así como diferentes liñas de axudas e bolsas para impulsar a emancipación.