A embaixada española en Venezuela destinou dólares do mercado negro a pagar favores electorais ao PP en 2015 e 2016

Segundo a información publicada este venres por eldiario.es, o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, nomeado por Feijóo e dependente directamente da Presidencia do Goberno galego, trazou un plan en Venezuela para que unha fundación pública cubra con fondos públicos un buraco de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Cuentas na xestión das axudas de emerxencia a españois naquel país durante 2015 e 2016, dous anos electorais. Rodríguez Miranda, que Feijóo chegou a colocar como número 3 do PP galego, formulou esa proposta en decembro pasado durante unha reunión na embaixada española á que acudiron o embaixador, Jesús Silva, e o cónsul xeral, Juan José Buitrago, segundo puido comprobar eldiario.es.

Todos os presentes naquela cita son membros do consello de administración da Fundación España Salud (FES), que ten como obxecto «prestar atención sanitaria, médico-cirúrxica e farmacéutica aos emigrantes españois». Trátase dunha fundación pública cuxo presidente executivo é o embaixador de España en Venezuela, Jesús Silva, despois dunha reforma dos seus estatutos promovida polo Goberno de Feijóo, co que o diplomático ten moi boa relación.

A investigación do Tribunal de Cuentas activou en decembro pasado a altos cargos e dirixentes próximos ao PP galego para tratar de controlar as consecuencias do escándalo. As fontes consultadas sosteñen que a voz de alarma deuna Aurelio Miras Portugal, conselleiro de Emigración de Manuel Fraga e histórico dirixente do PP que tamén sería director xeral de Migracións no Goberno de Rajoy. Miras Portugal, probablemente o que mellor coñece a comunidade galega no exterior, coa que leva tratando máis de dúas décadas e organizando polémicos actos institucionais con diñeiro público en vésperas das campañas, alertou á Xunta da conveniencia de liquidar o asunto sen facer moito ruído.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha