A embaixadora de Uruguai visita Carballo

Cedida

  • Ana Teresa Ayala Barros realizou a súa primeira visita oficial ao concello tras tomar posesión do cargo hai un ano

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, recibiu este luns á embaixadora de Uruguai en España, Ana Teresa Ayala Barros, na súa primeira visita oficial ao Concello tras tomar posesión do cargo hai agora un ano. A embaixadora estivo acompañada polo cónsul Ramiro Rodríguez Bausero, que xa visitara a capital de Bergantiños no mes de setembro, así como de varios membros do grupo de goberno local.

«Es un honor estar aquí», asegurou Ana Teresa Ayala despois de aludir ás estreitas e históricas relacións entre os pobos uruguaio e carballés, sendo este último un lugar onde se concentra unha gran parte da comunidade uruguaia. De feito, o rexedor aludiu á importante deste grupo que, nalgún momento, alcanzou os 700 membros e dúas asociacións na localidade carballesa. «Hoxe, aínda que estamos moi lonxe desas cifras, Uruguai segue estando moi presente en Carballo», afirmou Ferrero.

A embaixadora asinou no Libro de Honra e intercambiou agasallos co alcalde que, ademais de obsequiala coa figura do carballo de Sargadelos, tamén lle fixo entrega dunha camiseta da campaña polo 25N.