- A oferta inclúe profesionais da electricidade, a carpintaría e a fontanaría
Unha empresa holandesa do ámbito da construción púxose en contacto co Concello de Carballo, a través da súa Bolsa de Traballo (BDT), para contratar profesionais que desexen traballar nese país. Non é a primeira vez que a compañía busca obreiros na capital de Bergantiños. Xa no 2017 seleccionaba fontaneiros pero, este ano, tamén precisa electricistas e carpinteiros, oficiais de 1ª e 2ª e cunha experiencia mínima de tres anos. Valorarase, aínda que non é imprescindible, o coñecemento da lingua inglesa.
A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. As persoas interesadas deben poñerse en contacto canto antes coa BDT no 2º andar do Fórum Carballo ou chamando ao 981 709 011.
Desde o Concello tamén informan de que hai moita demanda no sector da hostalaría. Nestes momentos na Bolsa de Traballo de Carballo están abertos procesos de selección de pinches de cociña e camareiros para traballar a media xornada ou como extras, sobre todo. As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono antes mencionado.