A enxeñeira industrial na rama de mecánica de fluídos, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais desta mesma universidade (Cintexc), Concepción Paz Penín (Ferrol, 1969), será distinguida este ano co premio María Josefa Wonenburguer, unha decisión comunicada polo último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta, que tivo en conta a súa especialización nesta rama da ciencia e o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións.
Con distintas publicacións, proxectos e conferencias –ten dirixido sete teses de doutoramento e numeroasas publicacións en revistas académicas de alto nivel-, Paz Penín conseguiu desde 2005 máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de 8 millóns captados en proxectos como investigadora participante.
O xurado tamén tivo en conta para a súa elección a súa traxectoria como directora do Cintexc, que exerce desde o ano 2020, no cal traballan 175 investigadoras e investigadores integradas en 10 grupos de investigación. Nos tres anos de labor, traballou para posicionar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores claves para Galicia como o son as enerxías renovables, eficiencia enerxética ou intelixencia artificial, entre outros.
Concepción Paz Penín recibiu, ademais, o Premio de transferencia de tecnoloxía da Xunta de Galicia en 2017, e é unha das mulleres recollidas no libro Quero ser investigadora!, editado pola UVigo no 2020 e dirixido á promoción do interese pola carreira científica e investigadora en nenas e mozas.
O premio María Josefa Wonenburger foi creado pola Xunta para a distinguir ás mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Con este recoñecemento, a Xunta quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.