A erupción do volcán Semeru en Indonesia deixa polo menos 14 mortos


O pánico apoderouse da illa de Java cando a erupción do volcán provocou unha enorme choiva de cinza ardente que caeu sobre os habitantes e as súas vivendas. Os feridos, que presentan queimaduras de diversa consideración, foron asistidos por efectivos da Axencia Nacional de Xestión de Desastres, que comezaron a buscar posibles sobreviventes nas once poboacións afectadas pola erupción. Máis de 900 persoas foron evacuadas. O servizo de vulcanoloxía de Indonesia mantén no nivel 2 (sobre un máximo de 4) o risco na zona e emitiu unha alerta de voo para os avións que circulen pola rexión, xa que a cinza expulsada podería alcanzar os 15.000 metros de altura.

O arquipélago indonesio aséntase dentro do denominado Anel de Lume do Pacífico, unha zona de gran actividade sísmica con 127 volcáns activos e que é sacudida por miles de tremores ao ano, a maioría de escasa magnitude. A última erupción significativa do Semeru, un dos volcáns máis activos do país, produciuse en xaneiro deste ano sen que se rexistrasen vítimas, mentres que outra en decembro de 2020 obrigou a evacuar a miles de persoas.