A Escola de Hostalaría de Carballo comezou coas entregas de comida a familias necesitadas

As primeiras familias achegáronse este martes ata o Fórum Carballo para recoller un menú composto por croquetas de bacallau ao pil-pil e filetes de lombo de porco con pisto de verduras e pataca cocida, aproveitando a doazón realizada ao Concello polas empresas Seragra, Cultiagro e Patatas Gómez Vázquez. “Intentamos facer o máximo número de comidas e coa mellor calidade posible, sinala Fernando Agrasar, director da escola. Empezamos con algo máis de 200 á semana, que poderán ir aumentando segundo as necesidades”. Segundo Agrasar, o principal obxectivo deste proxecto é “axudar á xente máis necesitada”. E, ao mesmo tempo, a experiencia resulta unha oportunidade única para que o alumnado “vexa como se cociña nestes grandes formatos, porque non é o mesmo cociñar para 15 ou 20 persoas que para 90 ou 100”.

A primeira xornada transcorreu dun xeito moi ordenado, sen aglomeracións nin necesidade de intervención do voluntariado de Protección Civil que se achegou ata o Fórum Carballo para colaborar. Tamén se desprazaron ata as instalacións da Escola Municipal de Hostalaría o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha