A Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo cumpre 35 anos

Cedida.

  • Milleiros de nenos e nenas aprenderon a nadar na piscina municipal Vila de Noia ao longo de todo este tempo.

O curso empezou o 12 de setembro, acadando a cifra de 650 prazas, a máis elevada dos últimos anos, que permitirá non só eliminar a listaxe de agarda de abonados/as senón tamén empezar a recortar a de non abonados/as.

Cada alumno/a da Escola de Natación Infantil recibirá unha sesión semanal de 45 minutos de duración, ata acadar un total de 35 sesións entre setembro e xuño. Este programa acapara máis da metade da demanda das actividades acuáticas que se desenvolven na piscina municipal Vila de Noia, e cada semana impártense 80 sesións.

A Escola de Natación do Concello de Carballo empezou a funcionar no 1987. A actividade mantívose sempre que foi posible, incluso durante a pandemia, con todas as medidas de prevención esixidas en cada momento. Ano tras ano, coincidindo co curso escolar, todos os días, de luns a venres, entre as 16.45 e as 20.00 horas, a piscina do complexo deportivo Vila de Noia ten un espazo reservado para os nenos e as nenas do municipio carballés, unha actividade que se compatibiliza co uso da instalación por parte de entidades deportivas e usuarios/as individuais.

As persoas que precisen información máis detallada sobre o funcionamento da Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo poden poñerse en contacto coa área de Deporte a través do enderezo electrónico carballodeporte@carballo.gal, chamando ao 981702109 ou presencialmente nas oficinas “Carballo Deporte” na rúa Vila de Corcubión.