En menos dun ano, a Escola de Regueifa de Carballo gañou o seu primeiro premio (á mellor falada, no Enreguéifate), duplicou o número de participantes e conseguiu que a súa presenza sexa cada vez máis demandada en todo tipo de eventos sociais. Nos últimos meses, de feito, actuou na Praza dos Libros e na II Xuntanza da asociación As Landras de Bértoa.
Grazas a esta iniciativa, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, nestes momentos hai unha trintena de alumnos e alumnas que participan de xeito regular na Escola de Regueifa de Carballo, o dobre que no mes de marzo, pero as sesións están sempre abertas á participación das persoas que queiran regueifar e tamén das que queiran simplemente asistir como público.
Unha das claves do éxito desta iniciativa é a implicación do movemento asociativo. Ademais da Escola do Alprende de Oza, a Escola de Regueifa conta coa colaboración do Casino 1889 e as entidades Nemeth, As Landras e Ría de Lema ou o propio Conservatorio Profesional de Música. A próxima cita será o obradoiro de decoración de regueifas previsto para o 27 deste mes, ás 19.00 horas, no mercado municipal.