A Escola de Vela de Cabana xa loce un mural reivindicativo do artista Leandro Lamas

1 minutes read

O Concello de Cabana xa presume da que xa é a terceira obra do ilustrador Leandro Lamas no municipio. Un mural coa imaxe dunha muller con diversidade funcional engalana unha das paredes da Escola de Vela, proxectando unha mensaxe reivindicativa a favor da igualdade de xénero e da inclusión das persoas con diversidade funcional.

Integrada na programación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, Leandro Lamas foi o encargado de coordinar tanto á veciñanza inscrita na actividade como a unha delegación de integrantes da Asociación Íntegro nas tarefas de pintado do mural, para que deste xeito, todos os participantes puideran ser parte activa da plasmación do mural.

A ilustración reflexa a unha muller con diversidade funcional portando un megáfono sobre un fondo con elementos florais e mariños. O seu obxectivo, é trasladarlle ao espectador unha proclama pola igualdade de xénero e pola inclusión das persoas con diversidade funcional.

O alcalde, José Muíño, estivo presente no lugar dos traballos, onde destacou “a relevancia de poñer en valor este tipo de iniciativas nas que cuestións tan importantes como a igualdade e a inclusión pasan a un primeiro plano”, ademais, agradeceulle a Leandro Lamas “a súa habitual boa predisposición a poñer en común o seu arte e deste xeito crear unha obra que perdurará no noso municipio”.