A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou o fallo do xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, que nesta terceira edición concedeu o Premio galego de arquitectura 2020 á Escola infantil de A Veigadaña no Concello de Mos, e o galardón á traxectoria profesional ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Tamén se recoñeceu o Premio Especial á Sustentabilidade á reforma dun edificio existente para 8 vivendas unha oficina e aparcamento no número 11 da rúa Colón en Vigo. Cando as garantías sanitarias o permitan farase entrega dos galardóns e distincións, para poñer en valor a excelencia da rehabilitación e da arquitectura galega, o traballo dos profesionais e a sustentabilidade nas construcións, cada vez máis concienciadas con protexer o patrimonio e apostar pola súa recuperación.