A Escola de Hostalaría de Carballo elaborará comidas para persoas sen recursos

1 minutes read
  • O alumnado, que participa na experiencia de maneira voluntaria, traballará por quendas para garantir o cumprimento das medidas de seguridade

A Escola Municipal de Hostalaría de Carballo volve aos fogóns para seguir formando aos seus alumnos, pero tamén para ser solidarios. A partir deste martes 28, das instalacións do Fórum Carballo sairán cada semana 202 menús completos para 92 veciños do municipio en situación de vulnerabilidade, pero a cifra podería incluso aumentar se é preciso.

As familias acudirán a recoller a comida en días alternos (agás festivos) e nuns horarios concretos que xa lles foron comunicados. Para evitar aglomeracións e conseguir que o reparto se realice dunha maneira ordenada, participarán no operativo Protección Civil e Policía Local.

As medidas de seguridade e distanciamento tamén se cumprirán de portas para dentro. O alumnado, que participa nesta experiencia de forma voluntaria, traballará por quendas e cos equipos de protección necesarios.

O departamento de Servizos Sociais ofrece o servizo ás familias beneficiarias de vales de alimentos. As dúas prestacións son compatibles e non supoñen redución das cantidades que perciben esas familias para a adquisición de produtos de primeira necesidade. Polo momento sumáronse 28 familias, que suman un total de 83 membros, 30 deles menores de idade.