A Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira avanza na sensibilización ambiental

1 minutes read

Fixoo cunha xornada na que se enmarcou no primeiro ciclo de conferencias impartido pola patronal pesqueira española ao abeiro do Programa para a sensibilización en residuos e lixo-Seayourlitter, que desenvolve coa colaboración da Fundación Biodiversidade a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Os relatorios desenvolvidos no centro de ensino de Ribeira abordaron distintos aspectos como as consecuencias sociais, ambientais e económicas da presenza de lixo nos mares e a necesidade de que o conxunto da sociedade colabore activamente para facer fronte a este problema. As actividades desenvolvidas -que tamén incluían a visita a praias para comprobar en directo a presenza de refugallos- contribuíron a concienciar, sensibilizar e divulgar entre os alumnos a importancia de loitar contra o lixo mariño e as súas consecuencias.

Este tipo de accións formativas veñen a complementar o programa lectivo do alumnado, que xa inclúe formación dirixida á sensibilización no eido ambiental e á defensa de valores como unha pesca sustentable, o consumo responsable de produtos do mar, o mantemento da biodiversidade e a protección do medio mariño no seu conxunto.