A Escola Oficial de Idiomas de Carballo iniciará o curso co traslado de varias aulas

Pazo da Cultura Carballo_Carballo.org

  • Poñerase en marcha a “semipresencialidade rotatoria” para cumprir co distanciamento social

A Escola de Idiomas de Carballo iniciará o curso 2020-2021 con varias novidades que afectan a docentes e alumnado: o traslado de varias aulas á Casa da Xuventude e a modalidade semipresencial.

As aulas de francés e alemán non terán lugar no Pazo da Cultura debido a que parte das instalacións do edificio carecen de ventilación exterior.

Por outra banda, debido ás restricións do número de alumnos por aula, a escola poñerá en marcha a modalidade da “semipresencialidade rotatoria”, que consiste en repartir as dúas clases semanais dos grupos con máis número de matriculados. Cada día acudirá unha metade do alumnado e todos disporán de material extra e actividades interactivas nunha aula virtual xestionada por un profesor. Con esta modalidade perséguese non perder alumnado, pois debido ás medidas de distanciamento só poderían matricularse a metade dos que caben nunha aula.

O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 19 de outubro, e a solicitude de praza faise en liña na páxina web da EOI.