En FITUR hai que estar. Con máis apaixonados que detractores, a Feira Internacional do Turismo volve a converterse estes días nun dos eventos máis importantes do noso país e do mundo.
Este mércores inaugurouse a 42ª edición, á que acudiron os Reis de España, e este xoves houbo unha forte presencia galega coa presentación de diversas campañas turísticas e culturais. Desde a provincia da Coruña acudiron ao IFEMA MADRID varios alcaldes e alcaldesas de municipios da Costa da Morte como Vimianzo, Camariñas, Muxía e Cee.
VIMIANZO
A rexedora, Mónica Rodríguez, foi a encargada de presentar a campaña ‘Vimianzo a pé. A pé de ti’, coa que se pretende poñer en valor o potencial de todas as parroquias a través de rutas de senderismo para realizar camiñando.
«O que vimos presentar hoxe aquí é a rúbrica dun extenso e pormenorizado traballo de moitos meses, de investigación, de preservación e de posta de moitos lugares senlleiros do noso municipio» subliñaba a alcaldesa ao comezo da súa intervención tras agradecer á ministra de Turismo, Reyes Maroto, e ao secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, por permitir aos pequenos municipios acudir á feira e mostrar toda a súa competitividade.
No vídeo de presentación o público puido desfrutar de imaxes de diferentes igrexas, do Vieiro Fidalgo e do Encoro da Fervenza, dos dolmens, da Ruta dos Petróglifos, do coído de Sabadelle, da ruta dos Muíños e de moitos outros lugares que se poden visitar andando e coa axuda das xeolocalización realizadas polo departamento de Turismo.
Mención especial, como non podía ser doutra forma, ao Asalto ao Castelo que este ano celebrará a súa 25ª edición. Rodríguez lembrou que «xa hai dous anos que presentamos neste mesmo escenario a vixésimo quinta edición dun Asalto moi especial e da que nos privou a COVID-19, pero que agardamos poder conmemorar este 2022».

CAMARIÑAS
Camariñas encaixou perfectamente en FITUR. Unha boa calidade de imaxe e unha emocionante banda sonora foron os ingredientes de ‘E ti, encaixas no paraíso?’, unha presentación audiovisual cuxa previa correu a cargo da rexedora, Sandra Ínsua, quen convidou a todo o mundo á 31ª edición da Mostra do Encaixe, un dos maiores eventos culturais da Costa da Morte que se celebrará do 13 ao 17 de abril. A iniciativa busca dar a coñecer Camariñas pola súa riqueza e patrimonio máis alá da artesanía. Así, o espectador comezou un percorrido desde a ermita da Virxe do Monte ata a duna rampante do Monte Branco, imaxe do cartel promocional da Mostra.
Todas as parroquias e lugares emblemáticos do municipio están representados nesta peza audiovisual: o porto de Camariñas e as súas praias onde traballan as mariscadoras, os percebeiros de Santa Mariña, o espazo natural do Ariño, a desembocadura do río Grande, a Ponte do Porto, Camelle, o Museo e a casa de Man, Arou, a igrexa e o pobo de Xaviña, a igrexa de San Xurxo, o Faro Vilán, as praias de Reira, o cemiterio dos Ingleses e a praia de Trece coa súa duna rampante.
«Camariñas está feita de encaixe, iso é indubidable. A nosa forma de ser, os nosos costumes e as nosas tradicións están tecidos con mimo polas mans das nosas amadas palilleiras», explicou a rexedora, quen invita a todo o mundo a que visite a localidade porque se o fai unha vez, repite.
Pantallas no centro de Madrid
Para contribuír á difusión da XXXI Mostra do Encaixe, o Concello de Camariñas, ao igual que xa fixera no ano 2020, decidiu levar o evento ao centro de Madrid. Así, do 17 ao 23 de xaneiro proxéctase nas grandes pantallas dixitais de Callao, en Gran Vía, un cartel promocional.

MUXÍA
A vila da Barca foi outro dos municipios da Costa da Morte con representación en FITUR e cunha presencia totalmente sensorial. ‘Muxía, un municipio de sensasións’ é unha novidosa iniciativa que, a través dun código QR, permite ao usuario escoitar sons característicos da localidade como a chegada dun barco pesqueiro, o vento do nordés, as ondas do mar, a música dunha tradicional danza como a das Espadas de Quintáns ou un berro durante a romaría da Barca dun dos veciños máis apaixonados desta festividade.
O alcalde, Iago Toba, destacou na súa intervencións que estes sons «sen dúbida son un fiel reflexo do que somos, xente de mar e con moito corazón e sentimento».
A aplicación foi todo un éxito, segundo afirman desde a Alcaldía, xa que tres horas despois da súa presentación oficial xa contaba con «centos de descargas e interaccións», e mesmo a ministra de Turismo e o secretario de Estado de Turismo tamén desfrutaron das ‘sensasións’ muxiás nos seus móbiles.

CEE
O Concello de Cee tamén estivo presente na feira de turismo para promocionar o Ano Xubilar da Virxe da Xunqueira, que comezará o 1 de maio. A alcaldesa, Margarita Lamela, e o párroco ceense, Desiré Kouakou, foron os encargados de dar a coñecer o vídeo promocional do Ano Xubilar, que foi elaborado pola parroquia xunto coa Asociación de Amigos da Xunqueira.