A Estratexia de eliminación da hepatite C realiza máis de 30.000 probas en cinco meses

1 minutes read

Nun acto con motivo do Día Mundial contra a Hepatite, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantou os resultados dos cinco primeiros meses de cribados oportunistas realizados dentro da Estratexia para a eliminación da Hepatite C e cos que se detectaron de forma precoz 38 casos positivos despois de máis de 30.000 analíticas. Así, ofrécese, en menos de 21 días desde a comunicación do resultado positivo, a posibilidade de comezar un tratamento cunha efectividade demostrada superior ao 95%. Como novidade nestes cribados, o Servizo Galego de Saúde incorpora as análises por medio de pooling de 100, aproveitando a experiencia de éxito deste sistema para a detección de positivos asintomáticos durante a pandemia. A maiores, antes de finais de ano, incorporarase en todas as áreas sanitarias a proba da Hepatite C ao programa de control de embarazo durante o primeiro trimestre. Igualmente, este cribado achégase a poboación de risco a través da unidade móbil de prevención da VIH, VIHxía móbil, realizando coa mesma mostra de sangue tamén o test de Hepatite C.