A Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de Saúde Pública realizou un total de 63.000 probas e permitiu detectar 83 casos de infección activa en Galicia. Así o precisou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego; na que fixo balance dos seus primeiros nove meses de implantación.
Unha das principais medidas que recolle a estratexia é a implantación de cribados poboacionais oportunistas e o ofrecemento de probas de detección precoz da Hepatite C. Así, desde o comezo do presente ano, a Consellería de Sanidade está a ofrecer a realización de probas de detección precoz deste virus a todas as persoas entre os 40 e 69 anos, de xeito progresivo durante tres anos, aproveitando a oportunidade que se presenta cando se lle require nun centro sanitario unha proba analítica por outro motivo.
Neste senso, en 2023 a poboación diana comprende ás persoas de 50-59 anos, estando previsto a extensión do cribado no ano 2024 ás persoas de 60-69 anos, e no ano 2025 ás de 40-49 anos.