A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, mantivo unha reunión con representantes da confraría de pescadores de Corcubión na que lles anunciou que Portos de Galicia vén de pechar a redacción da primeira fase do estudo de alternativas para a mellora do abrigo no peirao da localidade. A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, presentou o documento técnico ao sector nun encontro celebrado na sede da confraría.
O estudo elaborado polos técnicos de Portos de Galicia recolle a descrición da situación actual do porto a nivel de axitación portuaria, o deseño de posibles alternativas de abrigo e a súa eficacia, unha análise básica das posibles solucións e unha primeira aproximación orzamentaria. Este documento, explicou Rosa Quintana, senta as bases para que os profesionais do ente público e os distintos axentes portuarios poidan consensuar posteriormente a alternativa máis adecuada ás necesidades do sector tendo en conta aspectos como a afectación á dinámica litoral, a axitación ou o investimento requirido.
As posibilidades que se presentan no informe son catro. A primeira alternativa pasa pola construción dunha nova dársena a continuación do peirao de Quenxe. A segunda consistiría na construción dun dique de abrigo no peirao exterior do porto de Corcubión. Como terceira opción exponse a utilización da zona abrigada pola explanada actual e un dique aboiante. Finalmente, a alternativa número catro contempla a utilización da zona abrigada pola explanada actual e un dique convencional de gravidade.
A conselleira do Mar en funcións tamén anunciou durante o encontro que proximamente haberá unha reunión técnica entre os responsables de Portos de Galicia e os representantes do sector profesional e náutico-recreativo que operan no peirao de Corcubión para valorar as conclusións destes estudos.
O obxectivo final de actuacións coma esta é mellorar o estado das infraestruturas portuarias e facilitar o traballo diario dos profesionais do mar, o que redundará na mellora dos seus resultados económicos e na xeración de riqueza e emprego tanto no conxunto do porto como na súa contorna.