A estudo o reforzo dos servizos de autobús entre a comarca do Barbanza e Santiago


A Xunta abordou cos alcaldes da comarca do Barbanza o reforzo dos servizos de autobús que conectan a bisbarra con Santiago de Compostela. Durante o encontro, o presidente de Monbus trasladou unha proposta de reestruturación dos servizos para reducir os tempos de viaxe entre Ribeira e a capital de Galicia nas franxas horarias de maior demanda.

A configuración deseñada baséase na creación dunha liña express que prestaría servizos directos entre a comarca e Santiago, empregando a Autovía do Barbanza e a AP-9.

Esta proposta prevé unha rede de servizos de tipo lanzadeira que permitirían tanto os desprazamentos entre as distintas localidades, como acceder ás expedicións directas. As conexións con esta liña efectuaríanse a través dun transbordo nunha nova parada localizada nas inmediacións da saída A-23 da AG-11.

Neste sentido, unha vez exposta a proposta, os concellos avaliarana en aras de mellora dos servizos e poderán trasladar as súas achegas.