A estudo preto de 40 obras de dragaxe dos peiraos autonómicos


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, executou desde o ano 2000 un total de 57 obras de dragaxe e estuda preto doutras 40 co obxectivo de mellorar a operatividade dos peiraos autonómicos. Así o recolle un informe analizado polo Consello da Xunta que dá conta da complexidade da planificación, tramitación e execución deste tipo de actuacións, que supoñen un dos eixos estruturais de traballo do organismo portuario autonómico.

Portos de Galicia ten en execución dúas dragaxes, as de Laxe e Carril, mentres que outros 38 portos precisan actuacións deste tipo. No caso dos de Ribadeo e Cariño xa se está coa tramitación ambiental mentres que se traballa na planificación previa nos casos da Pobra, Aguiño, Aguete, Arcade, Ares, Barallobre, Burela, Camelle, Cesantes, Combarro, Camariñas, Cabo de Cruz, Cedeira, Corcubión, Escarabote, Espasante, Fisterra, Foz, Lorbé, Malpica, Miño, Moaña, Ortigueira, Pedras Negras, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Meloxo, O Barqueiro, Palmeira, Portosín, Rianxo, Sada, Santo Tomé, Testal e Tragove.
Ademais, hai 16 portos autonómicos que teñen necesidades periódicas de dragaxe, cunha frecuencia de arredor de 10 anos. Son Ribadeo, Foz, Burela, Ortigueira, O Barqueiro, Ares, Miño, Laxe, Muxía, Testal, Rianxo, Bueu, Cesantes, A Pasaxe, Espasante e Cariño.