A exposición ‘As miradas de Isaac’ despide a súa estancia na Coruña


A exposición As miradas de Isaac concluíu a súa estadía na sede de Afundación da Coruña tras dous meses de exhibición e ser visitada por máis de 4.000 persoas. Estas cifras sumadas ás que a transitaron durante a súa permanencia en Compostela, elevan a 30.000 o número total de visitantes da mostra en Galicia.

As miradas de Isaac foi a primeira gran exposición en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Comisariada por dous dos seus fillos —Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro—, inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e para pór en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.