A exposición ‘Castillo, escultor’ chega á súa derradeira fin de semana na Cidade da Cultura

2 minutes read

O Gaiás despide este domingo 20 de febreiro a exposición Castillo, escultor, a primeira exposición retrospectiva realizada ata o momento que se centra na escultura do artista pontevedrés Jorge Castillo Casalderrey, faceta máis descoñecida que a da súa obra pictórica, pero sobre a que traballou desde os seus inicios como artista, establecendo un intercambio constante entre as dúas disciplinas.

Será pois a derradeira fin de semana na que o público poderá achegarse á Cidade da Cultura para gozar desta escolma en 120 obras, cunha montaxe especialmente pensada para o espazo arquitectónico do Museo Gaiás co que establece un diálogo permanente de liñas e formas. A mostra, que xa foi visitada por arredor de 15.000 persoas, percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional. A obra de Castillo forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.

Castillo, escultor está comisariada por Pilar Corredoira, historiadora da Arte Contemporánea, comisaria de exposicións, investigadora no eido da arte galego dos séculos XX e XXI e unha das maiores coñecedoras da traxectoria de Castillo. Pode visitarse de balde no segundo andar do Museo Centro Gaiás en horario de 10,00 a 20,00 horas e conta con visita guiada o venres, tamén de balde previa reserva.

Con motivo da mostra editouse un catálogo en gran formato que, deseñado por Táktika Comunicación, recolle por vez primeira en forma monográfica e por etapas a obra escultórica de Castillo. A obra inclúe catro textos orixinais do artista e fotografías do seu arquivo persoal, do caderno de Nova York e da montaxe da exposición na Cidade da Cultura. Chamada a converterse en obra de referencia sobre o artista pontevedrés, está á venda na tenda do Museo Gaiás, a un prezo de 30 euros.