- Poderase visitar do 8 ao 30 de outubro
Afundación, ABANCA e o Concello da Laracha presentarán este venres a exposición ‘Fillos do océano’, unha recompilación das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente tomou durante varios anos nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Ao acto de inauguración, que se celebrará ás 11:30 horas, acudirán o alcalde, José Manuel López Varela, e o director da oficina de ABANCA na Laracha, Juan Manuel Pazos Álvarez.
Trátase dun percorrido fotográfico único polas poboacións costeiras dos cinco continentes composto por máis de setenta imaxes. Poderanse contemplar no centro comunitario de Caión do 8 ao 30 de outubro en horario de 17:00 a 20:00 h de luns a venres e de 10:00 a 13:00 h os sábados.
Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como «un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo», sinalan desde o consistorio.