A exposición fotográfica ‘Ons soa’, de Paula Ballesteros-Arias, chega a Vimianzo

1 minutes read
  • Este xoves terá lugar a inauguración oficial ás 12:00 horas

A Sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura de Vimianzo acolle desde este luns a exposición fotográfica ‘Ons soa’, unha recompilación de imaxes de Paula Ballesteros-Arias producida pola MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego.

Ballesteros desenvolveu este traballo para INCIPIT, o Instituto de Ciencias para o Patrimonio do CSIC entre 2009 e 2013, con outros materiais que a etnógrafa foi aportando desde finais dos 80 ata o 2016. Co achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria, así como as testemuñas das persoas que residen na illa no momento da investigación, a autora pensou esta escolma como un relato autoetnográfico, resumindo as súas inquedanzas e impresións sobre o patrimonio cultural das Ons.

A mostra estará dispoñible ata o 28 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Desde o goberno local convidan a todas as persoas a que visiten este espazo e a alcaldesa, Mónica Rodríguez, aproveitou para agradecer a colaboración do Museo do Pobo Galego co Concello, logrando amosar unha galería de imaxes que «achegará o patrimonio galego o noso municipio e a toda a Costa da Morte».

Este xoves terá lugar a inauguración oficial, ás 12:00 horas, e á mesma acudirán a rexedora; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, e a comisaria da exposición, Paula Ballesteros-Arias.