Trátase dunha mostra itinerante comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, que permanecerá na rúa Xoán XXIII da cidade compostelá ata finais de maio. Concibida para a súa instalación no exterior, logo desprazarase a diferentes espazos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, onde rematará en novembro.
A mostra afonda nas diferentes facetas da actriz e en aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria para presentarnos a artista nacida en Galicia como “unha das grandes figuras do teatro internacional do século XX”. A instalación en exteriores concorridos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense facilita o achegamento de María Casares a unha maior cantidade e diversidade de público.
A exposición artéllase arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela arredor de diferentes temáticas relacionadas coa traxectoria persoal e profesional de María Casares. Tras un primeiro panel introdutorio, abórdase a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz, A Coruña e Madrid, así como o exilio a París.
Tamén se afonda na experiencia de María Casares na gran pantalla, a súa relación con Albert Camus, e a súa entrega ao teatro. O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.