A factura Covid suporalle ao Concello un desembolso de 20 M€


A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou que a factura Covid suporalle ao Concello un desembolso económico de preto de 20 millóns de euros. Desde o primeiro estado de alarma, o Goberno local aprobou 1.341 resolucións e decretos de emerxencia vinculados á xestión e a gastos extraordinarios por causa da pandemia xunto ás actuacións que se cargaron aos orzamentos ordinarios como os fondos da renda social e axudas de emerxencia xa operativas, mais que tiveron un incremento da súa demanda nestes meses. Ademais, inclúense nesta estimación os 13,2 millóns de euros do Plan de reactivación económica e social (PRESCO) en que o Concello determinou importantes medidas de rescate para os sectores máis afectados.

Entre os gastos vinculados directamente coa pandemia (16,5 millóns), o incremento de gastos ordinarios doutras partidas, principalmente de Benestar Social, e a redución de ingresos pola suspensións de cobros, a factura da Covid-19 ascende aos 20 millóns de euros, unha factura que recae case íntegra sobre a Administración local, xa que o Concello está actuando en moitos ámbitos que non lle compete sen que a Xunta lle compense dalgún xeito por este tipo de actuacións ou habilite liñas de apoio que reduzan o impacto nas contas municipais.