A falta de persoal no HULA obriga a suspender operacións de Uroloxía

1 minutes read

“Suspéndese intervención por falta de persoal». O pasado luns 10 de xullo un veciño de Lugo recibiu a desagradable sorpresa de que a súa operación no servizo de Uroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) fora suspendida no último minuto ante a baixa por enfermidade da cirurxiá principal. Non foi o único caso, pois máis operacións -cando menos outras catro- foron suspendidas no HULA por falta de persoal. Dende entón segue a agardar na súa casa, dez días xa pendente do teléfono sen ter novidades, a pesar de que a súa intervención está clasificada como de Prioridade 1, a máis alta prevista polo Sergas para operacións cirúrxicas, que non admiten unha demora superior aos 30 días.

Todo estaba listo para a súa operación, ata que apareceu minutos antes da cita programada unha médica que foi dicirlle que a súa intervención fora suspendida e que lle daban a alta: “teño malas noticias para vostede. Non o imos operar hoxe. A cirurxiá principal enfermou e está de baixa». «E non me pode operar alguén máis? Aínda que sexa mañá ou pasado», preguntou o paciente. «Non, non hai máis persoal», foi a resposta da doutora. No seu informe de alta só se sinala que a intervención foi suspendida «por falta de persoal» e que “será avisado telefonicamente para nueva data de intervención”. O paciente segue a espera da chamada ou de calquera outra explicación.