A familia Franco deberá devolver o Pazo de Meirás

1 minutes read
  • Vitoria xudicial do Estado fronte á familia Franco.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estima integramente a demanda para a devolución do Pazo de Meirás interposta polo Estado, ao que declara propietario do inmoble. Así o comunica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sentenza establece que os seis netos de Franco non teñen que ser indemnizados polos gastos nos que afirman incorrer para o mantemento da propiedade. A maxistrada declara a nulidade da doazón efectuada en 1938 da «leira denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma». A xuíz desestima toda a argumentación esgrimida pola familia respecto diso e non dubida en cualificar esa operación como unha «ficción» e sostén que «o 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o Pazo e Franco nada paga. A vendedora xa a vendera».A xuíz conclúe que é certo que habería persoas que de forma voluntaria contribuirían a Xunta Pro Pazo, «non se pode negar e descoñécese en que porcentaxe», pero cre que se acreditou que «se exerceu unha presión» e que a recadación «tiña unha tinguidura claramente forzosa».