A Favec comeza o xoves o ciclo de debates cos candidatos á Alcaldía de Vigo

1 minutes read

A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) comeza este xoves, 11 de maio, o ciclo de debates dos veciños cos candidatos á Alcaldía de Vigo, horas antes de que comece a campaña electoral das eleccións municipais do 28 de maio.

O primeiro participante é o representante de Vox, Álvaro J. Díaz-Mella López, que trasladou a súa vontade de reunirse coa Federación. O encontro empeza ás 19.00 horas na sede provisional da entidade veciñal, no número 1 da rúa Marín, local da Asociación de Veciños Camiño Lanuxe de Coia.

A intención da Favec é coñecer con máis detalle as propostas dos candidatos, resolver as dúbidas e abordar como facilitarían a participación cidadá, unha demanda reiterada ao goberno de Abel Caballero. Espera que todos os alcaldables se animen a compartir as súas ideas cos veciños.